Ricardo Cao
Nelson Mandela acuñou unha frase senlleira e fermosa: a Educación é a arma máis poderosa que podes usar para cambiar o mundo. Para min a Educación Universitaria é o axente máis efectivo para conseguir o benestar social. Nos últimos meses, moitos membros da comunidade universitaria animáronme a presentarme como candidato nestas eleccións á Reitoría. A miña vocación de servidor público fixo o resto, así que decidín dar o paso á fronte.
Móveme devolver á universidade unha pequena parte do que eu recibín dela: a oportunidade de desenvolverme como docente, como investigador e como persoa. Móveme facer da UDC a mellor universidade posible: unha universidade feita por e para as persoas. Contigo.
Equipo
Equipo
Programa
Actualidade
Axenda
Ricardo Cao Abad
Licenciado en Matemáticas (1988) con premio extraordinario e 1º premio nacional e doutor en Matemáticas (1990) con premio extraordinario. Catedrático de Estatística e Investigación de Operacións no Departamento de Matemáticas da UDC desde 1999.
Impartiu docencia en titulacións das Facultades de Informática, de Ciencias, de Ciencias da Saúde, de Enfermaría e Podoloxía e de Fisioterapia. Publicou sete libros docentes.
Presidente do European Courses in Advanced Statistics (ECAS) (2009-2014).
É coordinador do Grupo de investigación MODES, recoñecido como de referencia competitiva pola Xunta de Galicia (2007-2023), e membro do CITIC. A súa investigación abrangue os campos de inferencia non paramétrica, métodos de remostraxe, análise de supervivencia, verosimilitude de empírica, análise de datos funcionais, análise estatística de big data e métodos estatísticos en epidemioloxía, xenómica, neurociencia, malherboloxía, oncoloxía e risco de crédito. Autor de 256 publicacións recollidas en Google Scholar, cun total de 3768 citas (h = 34, i10 = 80), en revistas como Annals of Statistics, Biometrika, Journal of the American Statistical Association, Journal of Econometrics e Journal of Chemometrics. Dirixiu quince teses de doutoramento. Foi editor ou co-editor xefe das revistas Journal of Nonparametric Statistics (2019-2021), Computational Statistics (2016-2018) e TEST (2009-2012) e foi/é editor asociado desas mesmas e de Computational Statistics & Data Analysis.
Membro Electo do International Statistical Institute e Fellow do Institute of Mathematical Statistics. Foi galardoado co Premio Nacional de Estatística (2023), coa Medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (2023), coa medalla SEIO (Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa) (2022), co Premio Fundación BBVA – SEIO á mellor achega metodolóxica en Estatística (2021) e co Premio SEIO “Ramiro Melendreras” para estatísticos mozos (1989). Actualmente é coordinador do International Symposia on Nonparametric Statistics (ISNPS). Desde marzo de 2020, é presidente do Comité de Expertos en “Matemáticas contra o COVID-19” designado polo Comité Español de Matemáticas (CEMat).
Presidente do Comité Organizador ou Científico e membro do Comité Científico de congresos internacionais, foi tamén ponente por convite en máis de dez congresos internacionais. Impartiu máis de 35 conferencias convidadas en universidades e centros de investigación de todo o mundo, entre eles a London School of Economics, a Université de Paris 6, o Weierstrass Institut de Berlín e o Mathematisches Forschungsinstitut Oberwolfach. Realizou estadías nas universidades de Giessen, Bonn, Louvain-la-Neuve e foi profesor visitante nunhas vinte ocasións en centros de investigación de todo o mundo.
Foi vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (2012-2016), coordinador de Matemáticas na Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva (ANEP) do Ministerio de Ciencia (2008-2011) e director do Departamento de Matemáticas (2005-2008).
Ten recoñecidos seis quinquenios docentes e seis sexenios de investigación (un deles de transferencia) e conta con máis de sete anos de experiencia de xestión en cargos unipersoais.
Ana Isabel Ares Pernas
Licenciada en Ciencias Químicas pola USC e Doutora pola UDC (Programa en Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros).
Profesora titular de Universidade no Departamento de Física e Ciencias da Terra, é docente no Grao en Enxeñería en Deseño Industrial e Desevolvemento do Producto e no Mestrado Universitario en Deseño Industrial na EUDI, no Mestrado en Fabricación Aditiva e no Mestrado en Eficiencia Enerxética e Sostenibilidade na EPEF. Coordinadora do Grupo de Innovación Docente RSEn Responsabilidade Social nas Enxeñerías. O seu labor docente mereceu diferentes recoñecementos e premios de innovación docente, especialmente polos seus proxectos de aprendizaxe-servizo. Certificado de excelencia Docentia en 2017
e 2022.
Na empresa privada traballou como técnico de calidade do Laboratorio de Control de Calidade da empresa POLIGAL.
Membro do Grupo de Polímeros e Laboratorio de Plásticos do CITENI, investiga sobre o desenvolvemento de novos compostos poliméricos condutores con aplicacións electrónicas e para impresión 3D. Realizou unha estadía posdoutoral na Universidade do Minho para especializarse en reoloxía. Dirixiu tres teses de doutoramento, publicou 46 artigos, participou en 28 proxectos de investigación concedidos en convocatorias nacionais e internacionais. Obtivo o 2º premio na I edición dos premios de investigación Epifanio Campo 2021.
Foi subdirectora da Universidade Senior e é Directora do Campus Industrial de Ferrol.
Ten recoñecidos tres quinquenios docentes, tres sexenios de investigación e conta con catro anos de experiencia en xestión.
Moisés Canle López
Licenciado e Doutor en Química. Catedrático de Química Física.
Docente nos graos en Nanociencia e Nanotecnoloxía, en Química, no mestrado en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión Ambiental e no Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Ambiental. Membro do Grupo de Innovación Educativa ChemInnova. Recibiu en tres avaliacións Docentia a máxima cualificación.
Membro do grupo de referencia competitiva React!, traballa na comprensión dos mecanismos das reaccións químicas e na contaminación ambiental difusa, así como no desenvolvemento de tecnoloxías sustentables para tratamento de augas. Autor de informes técnicos, de artigos científicos, educativos e divulgativos, de capítulos de libros e relator habitual en congresos especializados. Dirixiu 10 teses doutorais (4 fóra de España). Participou en medio centenar de proxectos, tendo dirixido varios, e realiza frecuente transferencia con empresas.
Profesor visitante en Padova, Zagreb, Bragança, Rabat, Delft e Nápoles, e investigador convidado en diversas institucións: universidades de Dublín, Newcastle e Coímbra; Institute for Fundamental Research in Organic Chemistry de Fukuoka; e International Iberian Nanotechnology Laboratory de Braga. Investigador Marie Skłodowska-Curie no Max Planck Institut für Strahlenchemie.
É IUPAC Fellow, MSC Fellow e Premio de investigación Epifanio Campo 2021.
Foi Decano e Vicedecano na Facultade de Ciencias; Coordinador do Mestrado en Química Ambiental e Fundamental, do Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía, de Prácticas Externas e Responsábel de Mobilidade Internacional. Coordinou para a UDC a Unidade de Divulgación da Cultura Científica.
Actualmente, é director da Cátedra de Empresa EMALCSA-UDC. A nivel internacional, é membro do Subcommittee on Structural and Mechanistic Chemistry da IUPAC e do comité permanente dos European Symposia on Organic Reactivity.
Ten recoñecidos cinco quinquenios docentes, cinco sexenios de investigación e conta con máis de dezaoito anos de experiencia en xestión en cargos unipersoais.
Ángel Fernández Castro
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC, Master en Investimento, Financiamento e Análise de Proxectos pola University of York, Doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola UDC.
Profesor Titular de Universidade da área de Economía Financeira e Contabilidade, no departamento da Empresa.
Docencia principal na Facultade Economía e Empresa, en materias de grao, mestrado e doutoramento relativas a planificación financeira, avaliación de investimentos privados e públicos e análise da eficiencia. Profesor colaborador en universidades de Delaware, Vilna, Sofía, Budapest, Minsk e Madeira, e na USC, Universidade de Vigo e UNED. Autor de tres libros e varios capítulos, e coordinador doutro.
Artigos en revistas académicas como European Journal of Operational Research, OMEGA, JORS, Computers & Industrial ingineering ou Managerial & Decision Economics. Investigador Visitante na University of York e membro da Comisión de Selección de Investigación da Xunta de Galicia. Autor de máis de vinte informes técnicos sobre valoración de empresas, avaliación de proxectos de investimento, análises de custos de servizos, concesións públicas e estudos económico-financeiros de proxectos urbanísticos.
Seis anos como Vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, catro como director do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, tres anos como director da Cátedra HR-UDC en Desenvolvemento Sostible. Tamén foi coordinador de mestrado, coordinador de Programa de Doutoramento e vicedecano da Facultade de Economía e Empresa, e é membro do Consello Económico e Social de Galicia.
Ten recoñecidos dous sexenios, un deles de transferencia, e seis quinquenios docentes.
Marta García Pérez
Licenciada en Dereito e doutora en Dereito con Premio Extraordinario. Catedrática de Dereito Administrativo.
Docente de Dereito Administrativo en varias titulacións, principalmente no grao e nos mestrados da Facultade de Dereito.
Autora de cinco monografías, un libro en coautoría, máis de 50 capítulos en obras colectivas e máis de 100 artigos en revistas xurídicas. Dirixiu 5 teses de doutoramento e participou en máis de 30 proxectos de investigación internacionais, nacionais e autonómicos. No seu currículo destacan varios contratos LOU, especialmente con Administracións Públicas.
Foi membro do equipo redactor do informe sobre Problemas xurídico-administrativos planteados polo Prestige (2002) e formou parte dos equipos redactores das leis de vivienda de Galicia (2007-2008) e de ordenación do litoral de Galicia (2022-2023).
Exerceu o cargo de Secretaria Xeral da UDC entre os anos 2001 e 2004. Foi coordinadora do mestrado en Asesoramento Xurídico Empresarial (2006-2008) e secretaria da Comisión Académica do Programa de Doutoramento Internacional en Dereito Administrativo Iberoamericano (2013-2015). Actualmente coordina o mestrado en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial e é responsable de Igualdade na Facultade de Dereito.
Exerceu como Maxistrada Suplente no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia entre 2011 e 2014 e foi Directora dos Servizos Xurídicos co Concello da Coruña entre 2015 e 2019.
Ten recoñecidos cinco quinquenios docentes e catro sexenios (tres de investigación e un de transferencia).
María José Lombardía Cortiña
Licenciada e doutora en Ciencias Matemáticas. Catedrática de Estatística e Investigación de Operacións no Departamento de Matemáticas da UDC.
Incorporase á docencia universitaria na USC, impartindo distintas materias nas titulacións de Relacions Laborais, Odontoloxía, Enfermería, Bioloxía, Enxeñaría Química e Matemáticas. No ano 2009 vincúlase á UDC, con docencia en Enxeñaría Técnica Industrial, Documentación, Enxeñaría Informática e Ciencias e Enxeñaría de Datos, Mestrado Universitario en Socioloxía Aplicada: Investigación Social e de Mercados e Mestrado interuniversitario de Técnicas Estatísticas. Na actualidade é profesora da Facultade de Informática.
Investigadora do grupo MODES, adscrita ao CITIC. O seu labor de investigación céntrase en inferencia en áreas pequenas, modelos mixtos, mostraxe en poboacións finitas e métodos bootstrap. É autora de 35 artigos publicados en revistas do JCR, como Journal of the American Statistical Association, Journal of the Royal Statistical Society Series B. Recibiu o premio da Real Academia de Ciencias Galegas por un traballo de investigación correspondente ao 2003. Dirixiu 4 teses doutorais, unha delas na Universidade de Göttingen e outra na Universidade de Xenebra. Participou en máis de 60 proxectos competitivos e contratos de investigación e de transferencia, sendo investigadora principal dunha Acción Integrada con Alemaña e de 5 contratos de investigación.
Secretaria e membro do Consello Executivo da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións, e Membro do Consello Executivo da Sociedade Española de Biometría. Dirixiu a Unidade de Análise e Xestión de datos da UDC (2012-2020), e foi membro do Comité de Dirección do CITIC. Desde o 2020 é vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade na UDC.
Ten recoñecidos catro quinquenios docentes e catro sexenios (tres de investigación e un de transferencia).
Teresa López Fernández
Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutora en Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués) pola Universidade da Coruña con premio extraordinario.
Profesora titular de Filoloxías Galega e Portuguesa no Departamento de Letras, imparte docencia nos graos da Facultade de Filoloxía e no mestrado en Literatura, Cultura e Diversidade. Conta con dúas avaliacións do programa Docentia co resultado de Excelente. É coordinadora do GID consolidado en Literatura Galega.
A súa investigación está centrada na literatura galega contemporánea, especialmente na difusión e na recreación da lírica medieval, na recuperación e na edición de textos inéditos ou descoñecidos e no Rexurdimento. Publicou varias monografías e edicións filolóxicas e numerosos artigos en revistas de referencia nos Estudos Galegos. Responsábel de varios proxectos de investigación, coordina o grupo de investigación ILLA (Investigación Lingüística e Literaria Galega), recoñecido como grupo de potencial crecemento pola Xunta de Galicia. Dirixiu dúas teses de doutoramento. Realizou estadías de investigación na Universidade de Lisboa, no Graduate Center de CUNY e no INET de Bos Aires.
Foi secretaria académica do Departamento de Filoloxías Francesa e Galego-Portuguesa, coordinadora dos mestrados en Lingua e usos profesionais e en Literatura, cultura e diversidade e do grao en Galego e Portugués. Decana da Facultade de Filoloxía entre 2005 e 2013, desde 2017 é Directora do Departamento de Letras.
Ten recoñecidos seis quinquenios docentes, catro sexenios de investigación e conta con máis de vinte anos de experiencia de xestión en cargos unipersoais.
Crisitna López Villar
Licenciada en Educación Física pola Universidade da Coruña (1993-98) e doutora en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola Universidade de Vigo (2005). Posgrao en Promoción e Educación para a Saúde pola Universidade de Lleida (2001) e mestrado en Danza Movimento Terapia pola Universidade Autónoma de Barcelona (2007).
Profesora contratada doutora do Departamento de Educación Física e Deporte da Universidade da Coruña desde o ano 2009, anteriormente foi profesora na Universidade de Vigo (2003-2009) e na Universidade de Zaragoza (2001-2003). Completou a súa formación con estadías de investigación na Universidade Católica de América en Washington (2005), na Universidade Estadual de Campinas (2009), no departamento de Cultural and Social Studies da Universidade de Oslo (2012), no Laboratoire-Cultures-Education-Societés da Universidade de Burdeos (2016) e na L’UFR STAPS da Universidade de Nantes (2018).
A súa actividade investigadora actual céntrase na perspectiva feminista aplicada ás Ciencias do Deporte, tanto desde o ámbito da pedagoxía feminista como da historia das mulleres, dirixindo dúas teses doutorais defendidas con este enfoque. Alén da súa colaboración en diferentes proxectos de investigación, que deu lugar á publicación de artigos en revistas como Feminist Media Studies ou The International Journal of the History of Sport, é autora de catro monografías.
Participou como relatora en diferentes congresos, xornadas, seminarios e mestrados en diferentes universidades. Interveu como experta en igualdade no Plan Integral de Actividade Física e Deporte do Consejo Superior de Deportes (2009).
Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC desde 2020.
Ten recoñecido un sexenio de investigación.
Mª Cristina Naya Rivero
Licenciada e doutora en Matemáticas, é profesora contratada doutora da área de Didáctica da Matemática do Departamento de Pedagoxía e Didácticas da Facultade de Ciencias da Educación.
Imparte aulas no grao en Educación Primaria, no mestrado universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas e no mestrado universitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria.
Realiza varias iniciativas de aprendizaxe e servizo como actividades de innovación docente, coordina o GID Innovación en Educación Matemática e participou en programas Erasmus (STA). Tres avaliacións do programa Docentia con desempeño notable e sobresaliente.
Membro do grupo de investigación Innovación no ensino das Ciencias e das Matemáticas, as súas liñas de investigación céntranse na formación docente, na ensinanza e na aprendizaxe das matemáticas e na actitude cara elas. Dirixiu unha tese de doutoramento. Publicou artigos e capítulos de libros, ademais de ser participante habitual en congresos e seminarios da súa especialidade. Formou parte do equipo investigador de proxectos autonómicos, nacionais e internacionais e de comités científicos e organizadores de congresos nacionais e internacionais, ademais de ser membro da Comisión de Educación do Comité Español de Matemáticas.
Coordina a Unidade de Divulgación Científica e Cultural desde 2019, o itinerario de Tecnoloxía do mestrado universitario en profesorado desde o 2016 e é secretaria académica do departamento de Pedagoxía e Didácticas desde 2017.
Ten recoñecidos tres quinquenios docentes e un sexenio de investigación.
Jerónimo Puertas Agudo
Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos e doutor pola Universidade Politècnica de Catalunya. Profesor da UDC dende 1994 e Catedrático de Universidade dende 2003. É membro do Departamento de Enxeñaría Civil, na área de Enxeñaría Hidráulica, con
docencia na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, nos graos de Obras Públicas, Tecnoloxía da Enxeñaría Civil e no mestrado en Xestión Avanzada da Auga.
As súas principáis áreas de traballo son a hidroloxía urbana, a xestión de recursos hídricos e a xestión de inundacións. Realiza colaboracións frecuentes co sector público (Augas de Galicia, MITERD, concellos en Galicia no resto de España) e privado (empresas do sector da consultoría, da auga e da enerxía), a nivel nacional e internacional. Colabora con ONG, axencias de cooperación e entidades multilaterais (Enxeñeiros Sen Fronteiras, Cruz Vermella, Cooperación Galega, AECID, Banco Interamericano de Desenvolvemento, PNUD, Banco Mundial, entre outros) en proxectos de xestión de secas e indundacións en Europa, America Latina, África, e Asia.
Dirixiu 18 teses de doutoramento e foi investigador principal en proxectos de investigación a nivel autonómico, estatal e europeo (actualmente responsable de proxectos nacionais e de WP en proxectos H2020).
É vicepresidente do capítulo español da Asociación Internacional de Investigación Hidráulica (IAHR), vicepresidente da Fundación para o Fomento da Enxeñaría da Auga (que inclúe as 7 universidades públicas máis relevantes neste ámbito) e copresidente das Jornadas de Ingeniería del Agua, que è o máximo foro de debate da enxeñaría hidráulica en España.
Foi coordinador do CITEEC en dúas etapas distintas, subdirector da ETS de Camiños e Adxunto de Transferencia da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.
Ten recoñecidos seis quinquenios docentes, cinco sexenios de investigación e transferencia e conta con once anos de experiencia de xestión en cargos unipersoais.
Sonia Vázquez Díaz
Doutora arquitecta. Mestrado en Urbanismo e en Profesorado de Artes Plásticas. Pertence á área de Proxectos Arquitectónicos do Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición.
Profesora Contratada Doutora no grao en Estudos de Arquitectura, o grao en Paisaxe e o mestrado universitario en Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC). Profesora visitante na PUCMM (República Dominicana), no HIT (China), na UMA (Suecia) e na Universidade de Flores (Arxentina).
As súas liñas de investigación céntranse na relación entre arquitectura e emoción, na avaliación estética da arquitectura e na semioloxía arquitectónica, con publicacións en revistas indexadas como BAc, RITA y ZARCH. Participa no Proxecto de Investigación Enfoque Social para a Mellora Ambiental de Asentamentos Rurais Tradicionais, dirixido polo Dr. Jorge Rodríguez Álvarez.
Como arquitecta, formou parte do Estudio Zara de Inditex, construíndo tendas ZARA en 12 países (Canadá, EEUU, España, Grecia, Holanda, Italia, Malaisia, Marrocos, Noruega, Portugal, Suecia e Turquía), entre as que destaca a rehabilitación da antiga igrexa do convento de San Antonio el Real en Salamanca para tenda ZARA. Fundadora do estudo Cohr Arquitectos, especializado en rehabilitación de edificios con valor patrimonial.
Secretaria Académica e Subdirectora de Calidade na ETSAC (2021-2023), ten recoñecidos dous quinquenios docentes
Ricardo Cao, novo reitor da UDC
Tras a celebración das votacións hoxe luns 4 de decembro, Ricardo Cao resultou elixido como reitor da UDC para os vindeiros 6 anos.
Entre os principais retos do seu mandato estarán a implantación da LOSU e a relevo xeracional do persoal.
A Coruña, luns 4 de decembro de 2023
Ricardo Cao será o novo Reitor da UDC. A súa candidatura foi elixida maioritariamente pola comunidade universitaria para dirixir a UDC nos vindeiros 6 anos, o período que a LOSU establece para os mandatos.
Precisamente a adaptación á LOSU será un dos retos inmediatos do novo mandato. O relevo xeracional, a internacionalización ou a procura de maior financiamento para a UDC serán outras das tarefas principais para este novo mandato.
Cao quixo agradeceu a participación de toda a comunidade universitaria, a das persoas que lle deron a súa confianza e a das que apoiaron a outra candidatura, porque cre que a participación é o fundamento da vida universitaria. O reitor electo asegurou que el e o seu equipo traballarán intensamente para facer da UDC a mellor universidade posible.
Ricardo Cao pecha a súa campaña arroupado por grandes personalidades do ámbito académico e científico
O candidato á Reitoría da UDC pechaba esta tarde a súa campaña
acompañado do seu equipo e dunha nutrida representación da comunidade universitaria.
Destacadas personalidades do ámbito académico e científico enviaron o seu apoio aocandidato nun vídeo que foi proxectado no acto.
A Coruña, venres 1 de decembro de 2023
Ricardo Cao remataba hoxe a súa campaña electoral acompañado do seu equipo e dun nutrido grupo de membros da comunidade universitaria. Foron oito días de intensa campaña, con visitas e todos os centros da UDC, e meses de traballo coa comunidade universitaria, escoitando activamente as súas necesidades e propostas, un traballo que dende a candidatura de Cao esperan que se transforme nun resultado positivo nas eleccións do vindeiro luns 4 de decembro.
O acto de peche de campaña tivo lugar en Normal, no campus de Riazor, ás 19:30 h. Margarita Amor, catedrática de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores, realizou unha emotiva presentación de Cao. A seguir, proxectouse un vídeo con mensaxes de apoio á súa candidatura de grandes personalidades do ámbito académico e científico de toda España que quixeron desta forma trasladarlle o seu apoio.
- Xurxo Mariño, divulgador científico e profesor da UDC
- Elena Vázquez Cendón, Decana da Facultade de Matemáticas da USC
- Daniel Peña, Ex-Reitor da Universidade Carlos III de Madrid
- Marga Poza, do INIBIC
- Emilio Carrizosa, da Universidade de Sevilla
- Eva Ferreira, Reitora da Universidade do País Vasco
- Lola Martínez Miranda, Presidenta da SEIO,
- Jorge Vega Valle, Subdirector Xeral de Análise, Planificación e Coordinación de Políticas contra o despoboamento da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico
- Lola Ugarte, Presidenta da Federación Europea de Sociedades Nacionais de Estatística
- Alfonso Gordaliza, da Universidade de Valladolid
- Pepa Sierra, Xefa de área do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade
- Wenceslao González Manteiga, Coordinador do grupo MODESTYA da USC
- Mónica Fernández, Bugallo, Stony Brook University
- Juan Romo, Ex-presidente da CRUE e ex-Reitor da Universidade Carlos III de Madrid Susana Monge, do Centro Nacional de Epidemioloxía e
- Ángel Carracedo, Coordinador do grupo de Medicina Xenómica da USC
Para finalizar, Ricardo Cao pronunciou un breve discurso en que fixo balance da campaña e chamou á participación de toda comunidade universitaria nas eleccións.
As votacións para elixir reitor da UDC serán o vindeiro luns 4 de decembro de 10 a 19 horas en modalidade telemática.
Ricardo Cao comeza o último día de campaña visitando o Campus de Ferrol
Ricardo Cao e o seu equipo comezaron a xornada final da campaña visitando o CITENI, no Campus de Ferrol. A continuación mantiveron un encontro telemático co alumnado de doutoramento. Na parte final da mañá acudiron á Oficina de Relacións Internacionais, no Campus de Elviña.
O acto final de campaña será esta tarde, a partir das 19:30 h, en Normal, no Campus de Riazor.
Cao e o seu equipo visitan as facultades de Economía e Empresa e Camiños
No penúltimo día da campaña electoral á Reitoría da UDC Ricardo Cao e seu equipo visitaron a facultade de Economía e Empresa e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, que completaron achegándose aos centros tecnolóxicos de Elviña (CITIC, CITEEC, CICA), para coñecer de primeira man as súas necesidades.
A candidatura de Ricardo Rao visitou a Facultade de Dereito e a Facultade de Informática
A Coruña, mércores 29 de novembro de 2023
Mentres a campaña electoral avanza, o candidato á Reitoría Ricardo Cao e máis o seu equipo continúan a presentación do seu programa nos diferentes centros da UDC, para recoller a opinión dos membros da comunidade universitaria.
Este mércores visitaron a Facultade de Dereito e a Facultade de Informática, o centro onde imparte docencia Ricardo Cao.
Visitas a diversos centros e un debate organizado polo alumnado, protagonistas da xornada
A Coruña, mércores 29 de novembro de 2023
Ricardo Cao e o seu equipo mantiveron una intensa xornada de traballo o martes, con visitas ás Facultades de Ciencias do Deporte e da Educación Física, Socioloxía e Comunicación para explicar o seu programa.
A xornada remataba cun debate entre os dous candidatos á Reitoría, Ricardo Cao e Fermín Navarrina, organizado por representantes de alumnado da UDC, que foi retransmitido en streaming.
Ricardo Cao continúa coas visitas aos centros da UDC
A Coruña, martes 28 de novembro de 2023
A candidatura de Ricardo Cao continúa coas visitas aos diferentes centros da UDC dentro do seu proxecto de escoita activa da comunidade. O pasado luns o equipo visitaba o INIBIC, a Facultade de Ciencias da Saúde e a Facultade de Fisioterapia.
Ricardo Cao continúa o seu proceso de escoita
A Coruña, martes 28 de novembro de 2023
O candidato á Reitoría Ricardo Cao continúa o proceso de escoita da comunidade universitaria, acompañado do seu equipo. O pasado venres a candidatura visitou a ETS de Náutica e Máquinas, o Pavillón de estudantes e o centro Xoana Capdevielle.
25 N: Comprometidas en contra das violencias machistas
Oxalá que non fixese falta un 25 N. Mentres tanto, comprometidas en contra das violencias machistas. Contigo.
Ricardo Cao inaugura a campaña electoral á reitoría da UDC visitando o campus de Ferrol
Na xornada da apertura oficial da campaña, o candidato, acompañado do seu equipo, participou en senllos actos na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e na Facultade de Enfermaría e Podoloxía.
A Coruña, xoves 23 de novembro de 2023
O candidato á Reitoría da UDC Ricardo Cao elixiu o Campus de Ferrol para inaugurar oficialmente a campaña electoral. Estivo xunto co seu equipo, composto por tres profesores e sete profesoras, entre elas a Dra. Ana Ares que, de ser elixido, sería a Vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social.
Ricardo Cao visitaba a primeira hora da mañá a Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol, un centro de referencia que exemplifica a importancia da transferencia e da innovación na UDC.
Posteriormente o candidato trasladouse á Facultade de Enfermería e Podoloxía e visitou a Clínica Podolóxica, exemplo da integración de docencia e investigación ao servizo da sociedade.
Nestes encontros o candidato explicou o seu programa e atendeu as suxestións e preguntas dos membros da comunidade universitaria.
Novos encontros de Ricardo Cao e o seu equipo coa comunidade universitaria
O candidato á Reitoría da UDC, Ricardo Cao, continúa a escoitar a toda a comunidade universitaria. Tras facer público o seu programa de goberno o pasado xoves 16 de novembro, Cao e o seu equipo comezaron as visitas aos centros para explicar o programa. A ETSA, a Facultade de Filoloxía, a Facultade de Turismo, a de Ciencias do Traballo, a EU de Deseño Industrial e a Facultade de Humanidades foron os centros visitados o pasado venres e este luns.
Os encontros continuarán ao longo da semana, con novas visitas aos centros da UDC na Coruña e en Ferrol.
Ricardo Cao presenta un programa electoral resultado da participación da comunidade universitaria
O candidato á Reitoría da UDC vén mantendo desde o pasado verán múltiples encontros con todos os sectores da comunidade universitaria, un proceso de escoita do que nace o seu programa de goberno.
Ricardo Cao, que formalizou o pasado 30 de outubro a súa candidatura, estivo acompañado dos membros do que sería, caso de ser elixido, o seu equipo de goberno.
A Coruña, xoves 16 de novembro de 2023
Participación, simplificación da xestión, renovación xeracional, sustentabilidade, compromiso coa contorna, equidade, igualdade, humanización son algunhas das claves do programa de goberno que hoxe presentaba Ricardo Cao, candidato á Reitoría da UDC, nun acto público levado a cabo na sala de prensa da Maestranza.
O programa foi elaborado, segundo o propio Cao explicaba, tras múltiples encontros do candidato e do seu equipo, ao longo de moitas semanas, con membros de toda a comunidade universitaria (estudantes; persoal técnico, de xestión, de administración e servizos; e persoal docente e investigador) nos diferentes campus da UDC.
O exercicio de escoitar á comunidade universitaria foi o que, segundo o candidato areitor, permitiu elaborar un programa rigoroso e responsable que responde ás preocupacións reais que teñen as persoas que forman parte da UDC. Cao indicou tamén que, para el, o proceso de escoitar a comunidade universitaria non acaba nunca: que nos próximos días continuará cos encontros, agora para explicar o seu programa nos diferentes centros da UDC, e que, de ser elixido, sería o mesmo espírito de participación o que presidiría a adaptación normativa a que obriga a LOSU.
Ricardo Cao sinalou que o seu programa pon no centro as persoas e manifestou a súa satisfacción por contar cun equipo plural, composto por 7 profesoras e 3 profesores, con experiencia na xestión e comprometido coa universidade como servizo público.
O programa completo está disponible aquí
Un programa construído desde a participación
Estes son os 17 principios clave do programa de goberno:
Impulsar a participación activa de toda a comunidade universitaria na construción da universidade, a toma de decisións baseadas no acordo e a creación de amplos consensos en asuntos clave e nos proxectos de importancia estratéxica para a UDC.
Deseñar uns estatutos adaptados á LOSU que poñan as persoas, os valores democráticos, a igualdade e a inclusión no centro.
Impulsar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable na UDC, entre eles a loita contra a pobreza, a educación de calidade, a igualdade de xénero, o traballo decente e a paz e a xustiza, a defensa da saúde e do benestar, impulsando o deporte e programas de atención e apoio psicolóxico para toda a comunidade universitaria, especialmente para o estudantado.
Impulsar a igualdade real e efectiva do estudantado no acceso á universidade e
na permanencia nela, incrementando a dotación de bolsas e axudas, promovendo a igualdade no acceso aos servizos e a inclusión na vida universitaria, co foco posto na igualdade de xénero e na diversidade.
Humanizar a normativa universitaria, clarificando e simplificando as normas, que deben ser accesibles, coñecidas e comprensibles para todas as persoas, e tendo en conta na súa elaboración a diversidade de situacións que poidan afectar aos membros da comunidade universitaria.
Humanizar os espazos e apostar por campus sustentables. Mellorar o estado dos edificios e habilitar espazos para favorecer a interacción social e cultural da comunidade universitaria, especialmente do estudantado.
Recoñecer e poñer en valor todas as tarefas do persoal docente e investigador: a docencia, a investigación, a transferencia do coñecemento, as tarefas de xestión e a divulgación.
Planificar a reposición xeracional do PDI, apostar decididamente pola estabilización laboral a través da figura de axudante doutor/a e pola captación selectiva e a retención do talento, de acordo coas necesidades de futuro da UDC.
Impulsar o diálogo social para a mellora das condicións do persoal técnico, de xestión, de administración e de servizos (PTXAS), afrontando o relevo xeracional, as reformas da relación de postos de traballo, da mobilidade, dos concursos de traslados ou a carreira horizontal nun marco de colaboración e
negociación colectiva.
Propiciar unha investigación de alta calidade fomentando a colaboración entre grupos de diferentes disciplinas, acompañando as persoas investigadoras na xestión dos proxectos de investigación, tanto no proceso de solicitude como durante a súa execución, e apoiando a cada centro, grupo, ou persoa segundo a
súas necesidades.
Fomentar a colaboración permanente na nosa contorna, coas empresas e coas institucións públicas, a través dos centros e grupos de investigación, das cátedras institucionais e de empresa, dos centros tecnolóxicos e do Consello Social, e coa sociedade en xeral co impulso da ciencia cidadá.
Asumir un papel activo dentro do Sistema Universitario de Galicia na procura da suficiencia do financiamento estrutural das universidades e do obxectivo de destinar o 1% do PIB ás universidades públicas.
Revisar con sentido crítico o catálogo de titulos da UDC e a súa adecuación ao contexto actual, normativo, profesional e socioeconómico, e aproveitar os procesos de re-verificación para a súa actualización e mellora académica, mantendo atención á demanda da sociedade e ao impacto da dixitalización e da intelixencia artificial. Deseñar as novas titulacións de modo participativo, para cubrir demandas sociais de longo percurso e responder ás necesidades inmediatas da sociedade e de formación ao longo da vida, a través de novas fórmulas, como as microcredenciais, os MOOC etc.
Avaliar a xestión, en todas as súas facetas, detectando problemas e fraquezas para as corrixir, evitando reiteracións innecesarias e poñendo en valor as fortalezas e oportunidades. Impulsar unha metodoloxía de traballo participativa e dinámica, para lograr a simplificación dos procedementos administrativos e de xestión, con intervención de todas as persoas e sectores afectados na identificación dos principais problemas e na proposta de posibles solucións. Reforzar as canles de comunicación entre os diferentes sectores da comunidade universitaria, especialmente entre o PTXAS e o PDI.
Avanzar na internacionalización da UDC. Abrir as portas da UDC a estudantado, persoal investigador e de administración e servizos de todo o mundo, mediante o fomento das relacións internacionais que nos permitan
enriquecernos coa convivencia con persoas doutras culturas e cos seus coñecementos. Fomentar a mobilidade internacional en toda a comunidade universitaria e, no caso do estudantado, promover a realización de prácticas
internacionais.
Superada a COVID, recuperar o pulso da comunidade universitaria, ser críticas e proactivas, tomar conciencia dos problemas e formar parte das solucións, revitalizando a Academia con participación activa e con espírito crítico, e devolvendo á Universidade pública o protagonismo que lle corresponde na sociedade a que serve.
Reafirmar a vocación de servizo público da UDC e o compromiso coa cultura e
coa lingua galega como sinais de identidade institucional.
Ricardo Cao continúa cos encontros coa comunidade universitaria
O candidato a Reitor e parte do seu equipo mantiveron esta semana unha reunión coa asociación de estudantes GADED
A Coruña, martes 14 de novembro de 2023
Ricardo Cao e o seu equipo continúan a manter encontros cos diversos colectivos que conforman a comunidade universitaria, dentro do proxecto de escoitala activamente que a candidatura puxo en marcha hai xa meses.
O pasado luns Cao e parte do seu equipo reuníronse con membros de GADED, asociación de estudantes da Facultade de Dereito. A representación estudantil expresou a necesidade de incrementar a participación do estudantado na vida universitaria, reactivando o asociacionismo; pediron a quen goberne a universidade nos próximos anos medios para realizar adecuadamente as funcións de representación e apoio nas iniciativas que poñan en marcha; sinalaron a necesidade de mellorar a comunicación dentro da UDC para que a información relevante chegue a todo o estudantado; avanzaron propostas para mellorar o posicionamento da Facultade de Dereito no SUG e no conxunto do estado, e fixeron fincapé na necesidade de simplificar a normativa e algúns procedementos, especialmente os dos programas Sicue, Erasmus e similares.
Ricardo Cao agradeceu as suxestións de GADED e coincidiu plenamente na necesidade de traballar conxuntamente co estudantado para mellorar e incrementar a súa participación na UDC, a todos os niveis.
Ricardo Cao presenta a súa candidatura á reitoría da UDC
Ricardo Cao presentou formalmente a súa candidatura á Reitoría da UDC esta mesma mañá, no momento en que se abriu o prazo oficial para facelo.
A Coruña, venres 10 de novembro de 2023
O prazo oficial para presentar candidaturas á Reitoría da UDC comezou esta mañá. Ricardo Cao quixo rexistrar a súa candidatura no primeiro momento. Fíxoo telematicamente dende Elche, onde se atopa nestes momentos como ponente convidado no XL Congreso SEIO.
O pasado 30 de outubro Cao fixo público o equipo que o acompañaría na xestión da UDC, de ser elixido, un equipo plural composto por sete profesoras e tres profesores de diferentes centros e ámbitos de coñecemento.
O prazo oficial para a presentación de candidaturas á Reitoría da UDC remata o vindeiro 15 de novembro.
O día 4 de decembro será a votación na que o persoal docente e investigador, o de administración e servizos, e o alumnado, elexirán á persoa responsable da UDC nos próximos seis anos.
Ricardo Cao presenta a súa candidatura á reitoría da UDC acompañado do seu equipo
O candidato a reitor, recentemente galardoado co Premio Nacional de Estatística, presenta unha candidatura composta por 7 profesoras e 3 profesores baseada na participación, na diversidade e na innovación. Ricardo Cao coloca como reto acadar a máxima participación nas eleccións: “Queremos unha universidade activa, na que todas as opinións e todas as persoas conten”.
A Coruña, luns 30 de outubro de 2023
O Salón de Graos da Facultade de Informática, na que excerce a docencia dende 1999, foi o escenario elixido por Ricardo Cao para presentar formalmente a súa candidatura á Reitoría da UDC, uns comicios nos que coloca como principal reto acadar a máxima participación posible.
O recente Premio Nacional de Estatística quere facer da participación o eixo principal dun programa no que tamén a diversidade e a innovación serán claves.
No acto presentou o que, de acadar os votos necesarios, será o seu equipo de goberno: sete profesoras e tres profesores de diferentes ámbitos científicos, idades e sensibilidades.
Os membros do equipo, que serán os responsables das dez áreas de goberno definidas na candidatura, teñen recoñecidas traxectorias académicas, investigadoras e de xestión. É de destacar que, por vez primeira, a igualdade e a diversidade contarán cunha vicerreitoría con entidade propia.
Algúns dos retos para o mandato, que arrancaría en xaneiro de 2024 e duraría seis anos, serán o incremento da participación, a implantación consensuada da LOSU, a retención de talento, o impulso da investigación, o avance na internacionalización, a atención ás necesidades da contorna, a promoción da igualdade de oportunidades para o estudantado, a humanización da normativa e a simplificación dos trámites administrativos.
Unha candidatura plural e integradora
Principios programáticos
- Impulsar a participación activa de toda a comunidade universitaria na construción da universidade, a toma de decisións baseadas no acordo e a creación de amplos consensos en asuntos clave e nos proxectos de importancia estratéxica para a UDC.
- Deseñar uns estatutos adaptados á LOSU que poñan as persoas, os valores democráticos, a igualdade e a inclusión no centro.
- Impulsar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable na UDC, entre eles a loita contra a pobreza, a educación de calidade, a igualdade de xénero, o traballo decente e a paz e a xustiza, a defensa da saúde e do benestar, impulsando o deporte e programas de atención e apoio psicolóxico para toda a comunidade universitaria, especialmente para o estudantado.
- Impulsar a igualdade real e efectiva do estudantado no acceso á universidade e na permanencia nela, incrementando a dotación de bolsas e axudas, promovendo a igualdade no acceso aos servizos e a inclusión na vida universitaria, co foco posto na igualdade de xénero e na diversidade.
- Humanizar a normativa universitaria, clarificando e simplificando as normas, que deben ser accesibles, coñecidas e comprensibles para todas as persoas, e tendo en conta na súa elaboración a diversidade de situacións que poidan afectar aos membros da comunidade universitaria.
- Humanizar os espazos e apostar por campus sustentables. Mellorar o estado dos edificios e habilitar espazos para favorecer a interacción social e cultural da comunidade universitaria, especialmente do estudantado.
- Recoñecer e poñer en valor todas as tarefas do persoal docente e investigador: a docencia, a investigación, a transferencia do coñecemento, as tarefas de xestión e a divulgación.
- Planificar a reposición xeracional do PDI, apostar decididamente pola estabilización laboral a través da figura de axudante doutor/a e pola captación selectiva e a retención do talento, de acordo coas necesidades de futuro da UDC.
- Impulsar o diálogo social para a mellora das condicións do persoal técnico, de xestión, de administración e de servizos (PTXAS), afrontando o relevo xeracional, as reformas da relación de postos de traballo, da mobilidade, dos concursos de traslados ou a carreira horizontal nun marco de colaboración e negociación colectiva.
- Propiciar unha investigación de alta calidade fomentando a colaboración entre grupos de diferentes disciplinas, acompañando as persoas investigadoras na xestión dos proxectos de investigación, tanto no proceso de solicitude como durante a súa execución, e apoiando a cada centro, grupo, ou persoa segundo a súas necesidades.
- Fomentar a colaboración permanente na nosa contorna, coas empresas e coas institucións públicas, a través dos centros e grupos de investigación, das cátedras institucionais e de empresa, dos centros tecnolóxicos e do Consello Social, e coa sociedade en xeral co impulso da ciencia cidadá.
- Asumir un papel activo dentro do Sistema Universitario de Galicia na procura da suficiencia do financiamento estrutural das universidades e do obxectivo de destinar o 1% do PIB ás universidades públicas.
- Revisar con sentido crítico o catálogo de títulos da UDC e a súa adecuación ao contexto actual, normativo, profesional e socioeconómico, e aproveitar os procesos de re-verificación para a súa actualización e mellora académica, mantendo atención á demanda da sociedade e ao impacto da dixitalización e da intelixencia artificial. Deseñar as novas titulacións de modo participativo, para cubrir demandas sociais de longo percurso e responder ás necesidades inmediatas da sociedade e de formación ao longo da vida, a través de novas fórmulas, como as microcredenciais, os MOOC etc.
- Avaliar a xestión, en todas as súas facetas, detectando problemas e fraquezas para as corrixir, evitando reiteracións innecesarias e poñendo en valor as fortalezas e oportunidades. Impulsar unha metodoloxía de traballo participativa e dinámica, para lograr a simplificación dos procedementos administrativos e de xestión, con intervención de todas as persoas e sectores afectados na identificación dos principais problemas e na proposta de posibles solucións. Reforzar as canles de comunicación entre os diferentes sectores da comunidade universitaria, especialmente entre o PTXAS e o PDI.
- Avanzar na internacionalización da UDC. Abrir as portas da UDC a estudantado, persoal investigador e de administración e servizos de todo o mundo, mediante o fomento das relacións internacionais que nos permitan enriquecernos coa convivencia con persoas doutras culturas e cos seus coñecementos. Fomentar a mobilidade internacional en toda a comunidade universitaria e, no caso do estudantado, promover a realización de prácticas internacionais.
- Superada a COVID, recuperar o pulso da comunidade universitaria, ser críticas e proactivas, tomar conciencia dos problemas e formar parte das solucións, revitalizando a Academia con participación activa e con espírito crítico, e devolvendo á Universidade pública o protagonismo que lle corresponde na sociedade a que serve.
- Reafirmar a vocación de servizo público da UDC e o compromiso coa cultura e coa lingua galega como sinais de identidade institucional.
Estudantes
- Garantir a igualdade de oportunidades no acceso á Universidade e na continuidade de estudos, con independencia da capacidade económica das persoas ou familias e do seu lugar de residencia, procurando complementar o sistema de bolsas e axudas do Estado e da Xunta de Galicia cando se detecten necesidades non cubertas, mediante programas equitativos, adecuados e razoables, co fin de que ninguén quede atrás por motivos económicos.
- Avaliar os procedementos de outorgamento de bolsas e axudas e procurar que a concesión se realice nun tempo razoable e axeitado para atender as necesidades do estudantado, como é o caso da axuda para residencia.
- Estudar e impulsar novas axudas ao estudantado, como os programas de axudas para saídas e viaxes de estudos, cando sexan relevantes para a formación, ou para asistir a reunións nacionais e internacionais das asociacións de representantes estudantís.
- Acoller o estudantado na súa chegada á Universidade, consolidando o acto de benvida como o inicio dunha actitude acolledora que debe manterse durante toda a vida universitaria do alumnado, e xeneralizando os actos nos respectivos centros, que o familiarice cos espazos e os servizos, e lle facilite o primeiro contacto coas demais persoas da comunidade universitaria.
- Informar o estudantado dos seus dereitos e deberes no ámbito universitario, impulsando as melloras que resulten necesarias nas webs institucionais e nos diversos repositorios normativos para que a información estea accesible e sexa comprensible.
- Impulsar e revisar o Plan de Acción Titorial e promover e apoiar a mentorización do estudantado, con programas que favorezan a participación, non só de profesorado, senón tamén de alumnado de cursos superiores.
- Potenciar a mobilidade sustentable, favorecendo os itinerarios peonís e mellorando os accesos aos campus en bicicleta.
- Realizar un estudo de mobilidade das persoas usuarias dos campus, propoñendo a optimización do transporte público ás Administracións competentes nesa materia, actuando responsable e insistentemente perante elas.
- Procurar mellorar a conexión entre campus, e coas súas contornas, estudando tamén a vía da intermodalidade (bus-tren) para persoas usuarias de media distancia.
- Promover as accións que foren necesarias para garantir a igualdade real e efectiva do estudantado dos diversos campus universitarios, prestando especial atención ás demandas referidas a servizos, como os de cafetaría/comedor universitario.
- Promover e impulsar medidas e accións que faciliten solucións habitacionais razoables e adecuadas ao estudantado, mediante acordos e convenios con outras Administracións Públicas e entidades.
- Favorecer a conciliación da vida familiar, laboral e académica mediante medidas dirixidas a favorecer a compatibilización dos estudos cos coidados, o emprego e mesmo a participación na vida universitaria, entendendo que a actividade docente non pode verse prexudicada.
- Garantir os horarios de comida e descanso do estudantado ao longo da xornada académica.
- Garantir o dereito a unha representación activa, significativa e participativa nos órganos de goberno e representación da universidade, tal como esixe a LOSU.
- Dotar de espazos para o asociacionismo estudantil e o exercicio das funcións representativas nos centros, ou mellorar os que xa existen de ser preciso, así como os medios necesarios para o seu desenvolvemento en condicións adecuadas.
- Adoptar medidas que favorezan a conciliación dos estudos coas funcións representativas e académicas.
- Favorecer unha representación responsable do estudantado, mediante a posta en marcha de programas de formación que lle permita coñecer a normativa académica e os dereitos e deberes do estudantado.
- Crear mecanismos de participación reais e eficaces que favorezan a intervención activa do estudantado garantida na LOSU na creación do coñecemento e a súa concreción nos plans de estudos, a avaliación dos títulos universitarios e a docencia, a xestión dos servizos vinculados á vida universitaria, a promoción activa da innovación docente, a vinculación coa sociedade e a contorna local e internacional, a convivencia universitaria e a mediación e resolución alternativa de conflitos.
- Impulsar a comunicación entre o goberno da universidade e a representación estudantil, co obxectivo de que o estudantado participe na mellora da UDC.
- Poñer en marcha unha Casa do Estudantado, como espazo propio xestionado desde o Consello de Estudantes.
- Crear e recuperar espazos para uso do estudantado, que permitan o exercicio dos seus dereitos e deberes, así como o desenvolvemento dunha vida universitaria en condicións de benestar físico e emocional.
- Fomentar a responsabilidade do estudantado mediante fórmulas de auto-xestión dos seus espazos cando for posible.
- Crear unha oficina do estudantado, destinada a potenciar a participación estudantil, dar formación, asesorar sobre a normativa universitaria etc.
- Impulsar a Asociación Alumni UDC, como foro de encontro para todas aquelas persoas, antigos estudantes, alumnado da Universidade Sénior e colaboradores que queren manter vivo o vínculo coa súa Universidade e a súa comunidade, e potenciar a súa misión de fomento das oportunidades de colaboración e desenvolvemento persoal, profesional e empresarial.
- Impulsar accións, en colaboración co Consello Social, para favorecer a inserción laboral das persoas egresadas e o emprendemento.
- Adoptar as medidas que resulten necesarias, na liña do programa Afrontemos, que pode ser potenciado, para garantir o benestar do estudantado, ofrecendo orientación psicopedagóxica e programas de axuda para o coidado da saúde mental e emocional.
- Garantir unha adecuada representación do estudantado nos órganos de goberno da UDC, defendendo, cando corresponda, o mantemento, polo menos, das porcentaxes de representación no claustro universitario e no Consello de Goberno.
- Elaborar unha proposta consensuada co estudantado de regulación estatutaria do Consello de Estudantes, como órgano superior de representación e coordinación do estudantado no ámbito da universidade.
- Levar a cabo os procesos de adaptación da normativa académica á LOSU garantindo o desenvolvemento dos dereitos relativos á formación académica e os relativos á participación e representación nos termos máis amplos posibles, entre eles, o dereito ao paro académico.
- Elaborar unha estratexia de captación de estudantado a nivel nacional e internacional entre potenciais persoas interesadas.
- Intensificar o achegamento da universidade aos centros de ensino secundario e formación profesional e as accións de orientación para o futuro estudantado universitario.
- Recoñecer adecuadamente o currículo “social” do estudantado, onde se poña en valor o seu labor de participación nos órganos de representación, as actividades de voluntariado, a participación na vida universitaria e nas actividades promovidas dende a UDC.
Persoal docente e investigador
- Realizar un estudo da estrutura de idade do persoal docente e investigador nas diferentes áreas para definir as necesidades de incorporación de persoal e garantir o relevo xeracional.
- Elaborar unha planificación plurianual das contratacións a través dun diálogo permanente e estable cos departamentos, cos centros e coa representación sindical.
- Promover a renovación xeracional programada principalmente a través dun programa de contratación de profesorado axudante doutor.
- Impulsar un programa de incentivos dirixido ao profesorado sénior con actividade investigadora relevante, en beneficio do mantemento das súas funcións e no ámbito da promoción dun programa de mentorización do profesorado novo.
- Establecer encargos docentes equilibrados entre o profesorado sénior e o profesorado novel, co obxectivo de garantir a calidade da docencia e a formación progresiva do profesorado recentemente incorporado.
- Crear bolsas de contratación de profesorado substituto para atender as necesidades docentes sobrevidas, axilizando así eses procesos.
- Promover un programa de adaptación ás novas figuras establecidas pola LOSU para favorecer a estabilización do profesorado laboral con contratación a tempo parcial.
- Apoiar e asesorar o PDI no desenvolvemento da súa carreira académica e continuar co desenvolvemento dos programas de promoción interna que permitan o acceso do persoal acreditado ás figuras de categoría superior.
- Crear un programa de profesorado visitante, vinculado á docencia, especialmente en mestrados de alta especialización.
- Elaborar unha nova normativa de contratación de PDI laboral, introducindo criterios de baremación claros, obxectivos e de aplicación sinxela e definindo o papel da representación sindical nos procesos de contratación.
- Adaptar á LOSU o réxime dos concursos para o acceso a prazas dos corpos docentes universitarios, garantindo a participación activa dos colectivos afectados.
- Aprobar unha nova normativa de dedicación docente, recoñecendo e poñendo en valor a investigación e a dedicación ás tarefas de xestión.
- Simplificar a normativa de elaboración da PDA e o POD co fin de recoller con claridade o procedemento para seguir nas áreas/departamentos.
- Planificar temporalmente a elaboración da PDA e do POD, anticipándoa no calendario, coa pretensión de que poidan programarse as contratacións de profesorado con antelación suficiente con respecto ao inicio do curso académico.
- Garantir que o profesorado teña a capacitación apropiada, especialmente no caso de títulos de nova implantación, procurando aplicar o principio de especialidade na elaboración do encargo docente, estendéndoo a todas as materias do estudo en cuestión.
- Revisar o concepto de docencia estrutural para facilitar a retención de talento.
Persoal técnico, de xestión, de administración e de servizos
- Promover unha visión do persoal aliñada coa xestión do talento en prol do benestar das persoas, para a mellora da eficacia e a eficiencia, afastándose dunha xestión meramente burocrática e impersoal.
- Dignificar o traballo do PTXAS e avanzar na presenza deste persoal en postos de responsabilidade.
- Impulsar o diálogo social, dando protagonismo aos procesos de negociación coa representación sindical do PTXAS, coa aspiración de alcanzar unha política de persoal consensuada.
- Levar a cabo un diálogo permanente con centros e servizos, e con todo o seu persoal.
- Poñer en marcha un programa de reunións periódicas entre centros e servizos para conseguir unha maior coordinación nos obxectivos comúns.
- Planificar e calendarizar unha revisión da RPT, co compromiso de negociar e procurar grandes acordos, que permita recoller as esixencias derivadas dos cambios normativos, e da aparición de novas necesidades, e aproveitar a experiencia organizativa acumulada ao longo dos anos, acometendo de modo inmediato as reformas urxentes e acordando un calendario para levar a cabo cambios que requiran unha análise máis pausada.
- Revisar negociadamente as bases dos concursos de traslados, fixando a frecuencia das convocatorias.
- Retomar os mecanismos de mobilidade do PTXAS dentro do SUG, asegurando a reciprocidade entre as tres universidades, valorando a inclusión da mobilidade na última fase dos concursos, coas prazas que resultaren vacantes.
- Impulsar a estabilización dos PTXAS, convocando os procesos pendentes.
- Revisar negociadamente as bases das oposicións e o calendario das convocatorias.
- Desenvolver un sistema de avaliación de desempeño co consecuente recoñecemento e progresión na carreira administrativa do PTXAS funcionario, a chamada “carreira horizontal”.
- Dar impulso á formación en idiomas estranxeiros, contribuíndo deste xeito á mellora na internacionalización, con especial atención ao inglés, en todos aqueles servizos que o requiran e, de xeito voluntario, para todos aqueles membros do PTXAS que desexen mellorar a súa formación neste ámbito.
- Apoiar ao PTXAS na adquisición de competencias necesarias ou útiles para o desempeño das súas funcións, especialmente as referidas aos procesos de dixitalización e ao impacto da intelixencia artificial.
- Impulsar plans plurianuais destinados á mobilidade noutras universidades ou Administracións Públicas, a través de convenios que aseguren a reciprocidade.
- Fomentar a mobilidade internacional, coa participación en International Staff Weeks, en accións STT e iniciar este tipo de mobilidade entre as universidades españolas.
- Impulsar os plans plurianuais de formación ao longo da vida, que garantan a mellora profesional nos diferentes ámbitos de especialización da actividade universitaria.
- Impulsar un programa de renovación xeracional programada que permita facer fronte ao xeral envellecemento do PTXAS.
- Involucrar ao PTXAS na vía da simplificación administrativa, da plena implantación da administración electrónica e no cambio de xestión para mellorar e axilizar a prestación de servizos, tanto á comunidade universitaria como á sociedade.
- Fomentar a creación de grupos de traballo estables, transversais e abertos á participación do persoal, cuxo obxectivo sexa a mellora permanente na organización do traballo e a proposta de cambios.
- Impulsar a creación de comisións mixtas PTXAS-PDI-alumnado nos procesos de decisión, en particular nos relativos á elección e implantación das ferramentas informáticas de xestión, en que resulta imprescindible a implicación dos usuarios finais.
- Promover unha adecuada representación do PTXAS nos órganos de goberno da UDC.
- Visibilizar e dignificar o labor do persoal vinculado á UDC por contrato, coñecido como persoal do “capítulo 6”, e procurar que as súas condicións laborais non sexan peores que as do resto das e dos seus compañeiros.
Docencia e formación
- Impulsar o plan de formación do profesorado en todas as etapas da vida, cunha oferta formativa continua, aberta e flexible que contemple todas as modalidades de aprendizaxe e integrando o papel da intelixencia artificial no ámbito académico.
- Impulsar modelos de docencia alternativos á docencia tradicional, así como a experimentación docente do ensino baseado en proxectos, en proxectos con empresa, aprendizaxe-servizo, problemas, casos e retos, a aprendizaxe colaborativa, a aprendizaxe adaptativa e personalizada, e a aplicación da intelixencia artificial á contorna docente.
- Poñer en marcha un laboratorio de participación e innovación docente con participación tanto do profesorado como do estudantado, que teña como obxectivo repensar o proceso de ensino-aprendizaxe.
- Intensificar o papel da biblioteca universitaria no desenvolvemento da actividade docente
- Impulsar as accións formativas sobre xestión de bibliografía, procura de información e respecto da propiedade intelectual.
- Potenciar a participación do persoal da Biblioteca en seminarios e talleres sobre temáticas bibliográficas e documentais.
- Fomentar a participación do persoal da Biblioteca en proxectos de innovación docente.
- Garantir que as infraestruturas sexan apropiadas á docencia impartida. Isto é especialmente importante cando a docencia é híbrida, en sala e en liña.
- Crear espazos para a aprendizaxe activa, habilitando aulas abertas e espazos de coworking para fomentar o traballo en equipo e colaborativo para estudantado ou profesorado.
- Procurar garantir o acceso do estudantado a dispositivos electrónicos.
- Mellorar as competencias lingüísticas do profesorado e do estudantado, facendo uso das capacidades do Centro de Linguas.
- Impulsar o uso da lingua galega na docencia, contemplando accións dirixidas á capacitación lingüística do alumnado estranxeiro.
- Incrementar a internacionalización do profesorado e do estudantado a través da súa participación en programas de internacionalización con mobilidade, mais sen esquecer o impulso de programas bilingües e actividades a desenvolver sen mobilidade.
- Promover o establecemento de acordos de dobre titulación internacional.
- Fomentar os intercambios STA/STT e similares, no marco de programas europeos e optimizar o uso doutros programas, como o Iacobus.
- Fomentar a participación en convocatorias de estancias noutras institucións académicas e investigadoras.
- Promover a participación en alianzas internacionais consideradas estratéxicas para a UDC.
- Revisar o catálogo de acordos e convenios de intercambio internacional, conforme os intereses e a estratexia da UDC.
- Revisar con sentido crítico o catálogo de títulos da UDC e a súa adecuación ao contexto actual normativo, profesional e socioeconómico.
- Analizar a posibilidade de implantación de títulos unha vez que se abra o mapa de titulacións no SUG, fomentando, cando sexa posible, a multidisciplinariedade e a internacionalización.
- Insistir no desenvolvemento de normativa autonómica que regule as titulacións interuniversitarias do SUG de xeito que se poda simplificar a xestión administrativa dos mesmos e se ordenen e se incentive a súa implantación mediante o plano de financiamento do SUG.
- Aproveitar os procesos de re-verificación para a actualización e mellora académica dos títulos, de maneira que se incremente o seu atractivo.
- Avanzar no deseño e na promoción de itinerarios docentes en lingua galega.
- Avanzar na implantación de graos abertos, títulos conxuntos e itinerarios bilingües.
- Apostar pola especialización do Campus Industrial de Ferrol que permita manter ou incrementar o actual financiamento en docencia como campus especializado.
- Avanzar nunha implantación realista do long life learning, xerando unha oferta atractiva de microcréditos, MOOC, cursos de especialización e de posgrao etc., aberta á cidadanía e ao sector productivo e impartida en modalidades diversas.
- Favorecer a posta en marcha nas titulacións que así o requiran dun programa de seminarios impartidos por profesionais da industria, que redundará nun achegamento do alumnado á industria xa durante o proceso formativo e a unha formación máis específica nalgúns aspectos relevantes para o tecido produtivo.
- Crear e pór a andar un centro de formación permanente, en que se integren as estruturas xa existentes neste eido na UDC e enfocado na aprendizaxe ao longo da vida, de que se poidan beneficiar todas as persoas da UDC, mais tamén a cidadanía en xeral, e de que poidan botar man as empresas e institucións da contorna para mellorar as competencias do seu persoal.
- Establecer fluxos colaborativos entre o proceso docente e o proceso divulgador.
- Promover o rol das cátedras e aulas de empresa, fomentando a participación dos profesionais das empresas e institucións promotoras no proceso académico.
Investigación e transferencia
- Apoiar os centros de investigación da UDC (CITIC, centro de referencia en TIC, CICA, centro de referencia en ciencias, CITEEC, centro de referencia en enxeñaría civil e edificación, CITENI, centro de referencia no sector naval e industrial) para o seu recoñecemento por parte da Xunta como centros de investigación do SUG (CIGUS). Apoiar os centros interuniversitarios de que a UDC forma parte.
- Apostar pola especialización do Campus Industrial de Ferrol, que permita manter ou incrementar o financiamento específico actual nas dimensións de investigación e transferencia.
- Apoiar a xestión do CEMI, centro mixto de investigación UDC-Navantia.
- Apoiar todos os grupos da UDC para o adecuado recoñecemento dos seus méritos.
- Analizar os indicadores vinculados á investigación do plan de financiamento da Xunta de Galicia e facer propostas de modificación baseadas nos novos paradigmas que presenta a LOSU (innovación, colaboración coa sociedade etc.), non simplemente con indicadores bibliométricos que nalgúns casos poden dar unha visión distorsionada e nada positiva do potencial real da UDC.
- Velar pola aplicación do enfoque holístico e non bibliométrico a todas as convocatorias de apoio á investigación da Xunta de Galicia (centros, grupos, contratos vinculados á investigación etc.).
- Propoñer un enfoque redistributivo e non unicamente elitista na repartición dos recursos de investigación por parte do SUG.
- Análise participativa (entre os colectivos implicados) das necesidades administrativas da xestión da investigación e dotación adecuada en todos os servizos afectados para garantir o bo desempeño das funcións.
- Análise participativa (entre os colectivos implicados) dos procedementos administrativos vinculados á xestión da investigación (adquisicións, contratacións de persoal etc.) para a súa simplificación e racionalización, incluíndo a redución de prazos.
- Desenvolvemento de procedementos claros (por escrito) para os procesos máis habituais e estandarización de procesos.
- Mellora das aplicacións informáticas de xestión administrativa da investigación, para minimizar os requirimentos de información en tramitacións, que en moitos casos deberían ser accesibles dun modo directo, o que redundará nunha maior simplicidade e nunha redución de prazos.
- Axuste dos cerramentos de exercicio, sobre todo os vinculados a axudas que se reciben nas últimas semanas do ano. Estudo da posible autorización de reincorporación de fondos entre anualidades, nestes casos, ou mesmo da conversión en fondos plurianuais.
- Corrección de disfuncións puntuais de xestión, entre elas as dificultades de acceso de persoal extracomunitario a contratos de investigación pola esixencia de certificados dixitais.
- Creación dun portelo de “melloras a realizar”, para detectar e corrixir as disfuncións dun modo rápido e consensuado.
- Rexistro dos intercambios e das participacións internacionais en iniciativas investigadoras e de transferencia.
- Darlle ao labor investigador un recoñecemento adecuado nos desenvolvementos normativos da LOSU e, no seu caso, de acordo coas directrices do Estatuto do PDI.
- Mellorar o apoio aos grupos que solicitan proxectos complexos, como os europeos, tanto na fase de presentación como na fase de xestión e xustificación, utilizando unha parte dos custos indirectos xerados polo proxecto para este apoio.
- Xerar modelos pre-redactados e adaptables que poidan servir para o seu uso optimizado en certas partes dos proxectos que non son, estritamente, de contido científico-técnico (por exemplo, análise de riscos, integración dos investigadores na UDC etc.).
- Facilitar a contratación de persoal de investigación no marco dunha liña de investigación, e non dunha fonte puntual de financiamento, de modo que o salario poida ser achegado por diferentes proxectos ou contratos, co fin de evitar o despedimento deste persoal ao acabar cada proxecto concreto e, ao mesmo tempo, reducir o número de contratos a tramitar.
- Posibilitar a delegación de funcións (e a sinatura delegada) da persoa IP dun proxecto a outras persoas vinculadas ao mesmo, para evitar a sobrecarga administrativa das persoas IPs.
- Impulsar axudas á investigación na UDC orientadas a persoas que inician o seu labor investigador e/ou que non dispoñen o apoio dun grupo ou centro e cuxo acceso a outras fontes competitivas de financiamento é difícil.
- Instar á Xunta a dotar con fondos estruturais programas de contratos predoutorais xestionados polas universidades, de acordo coa LOSU.
- Mellorar as sinerxías entre diferentes grupos, unidades ou persoas investigadoras, tanto no seo dos centros de investigación ou entre centros como, sobre todo, naquelas áreas onde hai máis dificultades para acceder a espazos de colaboración. Organizar ciclos de presentación de liñas de traballo orientados á colaboración.
- Desenvolvemento de guías rápidas para a solicitude e a xestión de proxectos competitivos nas convocatorias máis demandadas, co obxectivo de promocionar estas solicitudes entre o PDI novo ou con menor experiencia en xestión.
- Desenvolvemento de xornadas de formación en solicitude e xestión de proxectos competitivos orientadas ao PDI que comeza a súa traxectoria como IP de proxectos.
- Recoñecer o labor de transferencia como fundamental na Universidade, e fomentala, no marco da LOSU, que avoga por un maior achegamento das Universidades á sociedade.
- Instar á Xunta a recoñecer adecuadamente os méritos en innovación e transferencia nos procesos de avaliación de grupos e, sobre todo, de centros.
- Adaptar os regulamentos vinculados á transferencia (contratos, spin-offs, patentes) ao novo marco normativo (LOSU, lei de contratos do sector público), co espírito de fomentar este tipo de actividades e facilitar o acceso a este tipo de actividades ao persoal da UDC.
- Adaptar os convenios de xestión da transferencia das entidades de xestión que actualmente colaboran coa UDC, sempre co ánimo de fomentar a transferencia, simplificar a tramitación e adaptala ao novo marco normativo.
- Establecer un clima de colaboración permanente entre o tecido empresarial e a UDC. Apoiar o labor da OTRI.
- Favorecer o traballo das cátedras institucionais e as colaboracións intercátedras, entre os centros, os grupos de investigación ou as persoas investigadoras e as empresas.
- Visibilizar e fomentar as boas relacións coas empresas, con actos de recoñecemento do seu apoio, coa colaboración do Consello Social.
- Favorecer as relacións con entidades públicas para a mutua colaboración en actividades onde a capacidade de innovación da UDC poida supoñer unha mellora na actividade das entidades.
- Fomento dos convenios de colaboración ou acordos similares a nivel local, autonómico ou estatal.
- Seguir a impulsar e facilitar a colaboración con fins de cooperación, formación, investigación e transferencia entre o persoal da UDC e ONG locais ou nacionais e ONG ou entidades multilaterais internacionais.
- Potenciar a transferencia de coñecementos a países en desenvolvemento ou contornas desfavorecidas.
- Impulsar programas específicos de atracción selectiva e retención de talento, que contribúan no relevo xeracional programado do PDI á vez que se dá resposta ás vocacións docentes e investigadoras.
- Defender fronte á Xunta baremos xustos, baseados nos méritos das persoas candidatas, para as convocatorias de apoio as persoas investigadoras novas.
- Revitalizar a Comisión de Biblioteca da UDC
- Potenciar o importante labor de análise bibliométrica dos resultados de investigación da UDC, captando estes datos directamente de fontes contrastadas, como Scopus ou WoS.
- Alixeirar a carga burocrática asociada ás adquisicións de material bibliográfico, tanto en papel como, sobre todo, dixital, buscando fórmulas que permitan unha adquisición áxil.
- Crear espazos para o almacenamento de fondos bibliográficos de pouca demanda, mais con valor documental.
Equidade
- Deseñar uns estatutos adaptados á LOSU que poñan as persoas, os valores democráticos, a igualdade e a inclusión no centro do sistema.
- Impulsar a igualdade real e efectiva do estudantado no acceso á universidade e na permanencia nela, incrementando, na medida do posible, a dotación de bolsas e axudas e promovendo a igualdade no acceso aos servizos.
- Desenvolver e ampliar os programas de axudas para apoiar o alumnado con dificultades específicas ou sobrevidas.
- Impulsar o voluntariado, a través da OCV e en colaboración coas entidades da contorna, e poñer en valor as actividades de aprendizaxe-servizo, co debido recoñecemento no currículo “social” do estudantado.
- Introducir a perspectiva de xénero, de forma transversal, en todas as políticas e normativas da UDC.
- Definir e impulsar, en coordinación coa unidade de diversidade, un plan de inclusión e non discriminación do conxunto do persoal e sectores da universidade por motivos de discapacidade, orixe étnica ou nacional, orientación afectivo-sexual e identidade ou expresión de xénero e características sexuais, e por calquera outra condición social ou persoal. Elaborar protocolos e desenvolver medidas de prevención e resposta fronte ás violencias, diferentes tipo de acoso ou discriminación.
- Poñer en marcha e divulgar o III Plan de Igualdade velando por que a organización do traballo e o estudo estea baseada na igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, nos coidados e na busca do benestar e o respecto aos dereitos das persoas que conforman a comunidade universitaria.
- Seguir traballando para consolidar a estrutura de representantes de Igualdade nos centros, que velan polo desenvolvemento das políticas con perspectiva de xénero.
- Facer unha aposta pola igualdade, coa consolidación da estrutura da Oficina para a Igualdade de Xénero que lle permita realizar o seu labor de forma profesional, facilitando un acompañamento e asesoramento de calidade ás vítimas de violencia de xénero e ás persoas que sufran algún tipo de discriminación polo feito de seren mulleres.
- Poñer en marcha un novo protocolo para a prevención, detección e actuación ante o acoso sexista ou diferentes tipos de violencias de xénero. Este protocolo será realizado en colaboración coa área de atención á diversidade, para aquelas situación que afecten ao colectivo LGTBIQ+.
- Formar e sensibilizar toda a comunidade universitaria sobre a necesidade de identificar e rexeitar todas as formas de discriminación e violencias de xénero.
- Reforzar a Unidade de Atención á Diversidade para cumprir os obxectivos fixados pola LOSU de coordinar e incluír de maneira transversal o desenvolvemento das políticas universitarias de inclusión e antidiscriminación no conxunto de actividades e funcións da UDC.
- Reforzar a atención á comunidade universitaria LGTBIQ+.
- Revisar a normativa universitaria para reforzar os dereitos das persoas con discapacidade ou NEAEs a desfrutar da Universidade en condicións de igualdade de oportunidades.
- Elaborar un plan de eliminación de barreiras arquitectónicas para a súa eliminación paulatina, co obxectivo de chegar a acadar a plena accesibilidade aos campus e centros.
- Detectar tamén as barreiras non arquitectónicas que impidan ou dificulten a realización persoal das persoas con diversidade funcional na UDC, e adoitar as medidas que sexan necesarias para a súa eliminación.
- Seguir a traballar na facilitación de apoios ás persoas con discapacidade, e formación e recursos ao resto da comunidade universitaria para favorecer a inclusión.
- Potenciar a iniciativa “Espazo compartido”.
- Impulsar proxectos que permitan mellorar o benestar xeral e previr, detectar e afrontar os problemas de saúde mental da comunidade universitaria, facendo da UDC un referente en materia de saúde e benestar emocional. A iniciativa Afrontemos e a UDC Saudable son exemplos a potenciar.
- Promover, en colaboración coa Xunta de Galicia, a prestación de servizos gratuítos dirixidos á orientación psicopedagóxica, de prevención e fomento do benestar emocional de toda a comunidade, en especial do estudantado.
Humanización
- Xerar espazos humanizados, acolledores, amigables, que fomenten a interacción social e conviden a desenvolver a maior parte das nosas actividades cotiás dentro dos campus.
- Mellorar as contornas das escolas e facultades, favorecendo espazos de encontro de alta calidade espacial que reforcen o sentimento de pertenza á Comunidade UDC.
- Artellar un plan de reforma, mantemento e mellora dos centros, que permita intervir de modo programado nos mesmos, previa análise do estado actual e o establecemento dun conxunto de criterios para articular a orde de intervención, impulsando a mellora da accesibilidade, a eficiencia enerxética e a sustentabilidade dos edificios da UDC e reducindo o gasto en avarías producidas por infraestruturas obsoletas.
- Elaborar un plan de rehabilitación integral de centros especialmente obsoletos, que desenvolva estratexias integrais de intervención para cada un, establecendo fases de execución e, no seu caso, a previsión de fontes de financiamento.
- Elaborar un mapeamento social dos espazos comúns da UDC e da súa contorna, que permita identificar as problemáticas do ecosistema completo (espazos e habitantes) e orientar as accións a emprender.
- Reformar dun modo programado e paulatino as salas de lectura das bibliotecas, incorporando pequenas salas para traballo en grupo, con medios audiovisuais, espazos de uso persoal para traballos de alta concentración, e espazos chill out para fomentar a relaxación e o descanso, aproveitando a experiencia positiva dalgúns espazos, como o da biblioteca da ETSA.
- Buscar solucións para centros con falta de espazos, a través da ampliación de espazos xa existentes dentro do propio centro, da licitación de novas edificacións, de recolocación de titulacións ou servizos, e tamén valorando a posible formalización de convenios de cesións con outras administracións.
- Buscar edificios e espazos en desuso ou con baixa intensidade de uso para deseñar espazos abertos á comunidade UDC, en que poden interactuar diferentes colectivos.
- Abrir espazos ao desfrute cidadán, procurando a máxima integración dos campus na cidade e promovendo a declaración de espazos amables coas mascotas.
- Elaborar un diagnóstico de mobilidade nos campus e artellar alianzas con administracións e entidades clave para a mellora da mobilidade sustentable e activa.
- Facilitar os procedementos administrativos vinculados coa docencia, prestando atención especial ás dificultades que poidan provocar no estudantado estranxeiro e procurando asistencia ante as dificultades tecnolóxicas.
- Clarificar e simplificar as normas, que deben ser accesibles, coñecidas e comprendidas por todas as persoas, empregando, cando for necesario, manuais e guías de usuario.
- Mellorar o repositorio normativo, co fin de que a busca das normas vixentes sexa sinxela e o seu manexo intuitivo e áxil.
- Simplificar e mellorar os procedementos de xestión de todo tipo, académicos, económicos, de investigación e de calidade, analizándoos por equipos de traballo en que participen todos os sectores implicados (PDI, estudantes, servizos implicados na xestión, servizos informáticos, responsables do control…), e aspirando a que cada procedemento sexa un instrumento áxil, evitando obstáculos e simplificando os formularios.
- Apoiar as persoas investigadoras na xestión dos proxectos de investigación, tanto no proceso de solicitude como durante a execución do proxecto.
- Implementación de estratexias de coordinación e xestión efectivas nos servizos de apoio a todo tipo de proxectos de investigación, docencia, transferencia e internacionalización.
- Avanzar no uso do galego como lingua habitual de comunicación na administración universitaria.
- Avaliar, desde o punto de vista do usuario, a páxina web institucional co fin de mellorar o seu deseño e visibilidade e poñela ao servizo da comunicación de toda a comunidade universitaria.
- Impulsar unha estratexia de comunicación entre a propia comunidade universitaria sobre a evolución de proxectos de importancia estratéxica para a UDC, como os centros de investigación, a Cidade das TIC, o futuro EI3 Edificio de Investigación e Innovación na Industria, o CEMI UDC-Navantia, ou o Campus Industrial de Ferrol, primeiro campus de especialización do SUG, ofrecendo información actualizada e accesible sobre as iniciativas, o estado de execución dos proxectos, os retos pendentes e os logros acadados.
- Reforzar a comunicación cara ao exterior, coordinando os diversos canais institucionais dentro dunha estratexia de comunicación dirixida a conseguir mellores sinerxías e maior impacto.
- Planificar espazos, medios e contidos da información que deba ser posta a disposición da cidadanía, poñendo atención na información referida a toda a actividade da UDC no eido da docencia, a investigación e a transferencia.
- Unificar a difusión das actividades de divulgación e comunicación científica que sirva de ponte e conexión con todas aquelas que poidan ofertar os diferentes centros ou grupos de investigación da UDC.
- Realizar actividades divulgativas dirixidas ao público infantil e xuvenil, no ámbito escolar ou fóra del, incluída a realización de contidos divulgativos científicos dirixidos ao uso escolar, como libros científicos de uso infantil, xuvenil etc.
- Realizar actividades dirixidas á Universidade Sénior e a outro público sénior.
- Participar na realización de grandes eventos divulgativos que teñan un efecto multiplicador da visibilidade da UDC e que poñan en valor o traballo realizado na mesma.
- Promover espazos divulgativos en diferentes medios de comunicación con certa regularidade.
- Ofrecer formación para mellorar as habilidades comunicativas e divulgativas do noso persoal investigador en colaboración co CUFIE e do estudantado a través de microcréditos.
- Colaborar e realizar iniciativas conxuntas cos Museos Científicos Coruñeses e o MUNCYT e outras entidades con participación activa en actividades de divulgación.
- Fomentar a lingua galega como instrumento de divulgación e comunicación científica.
- Fomentar a ciencia cidadá.
- Manter NORMAL como espazo de intervención cultural da UDC e dinamizar un espazo de intervención cultural no Campus de Ferrol.
- Poñer en valor as habilidades culturais do estudantado e da comunidade universitaria en xeral para promover a antecitada riqueza entre a nosa cultura universitaria e integrala na programación das nosas propias actividades.
- Fomentar o coñecemento da cultura galega entre estudantes internacionais, docentes visitantes etc.
- Impulsar convenios con entidades e asociacións de promoción e coñecemento da cultura galega.
- Fomentar o coñecemento do patrimonio cultural da UDC.
- Recoller, catalogar e poñer accesibles á cidadanía as diferentes pezas artísticas ou fondos bibliográficos de riqueza museográfica ou de valor cultural da propia universidade.
- Poñer en valor o contexto cultural da localización da UDC.
- Potenciar as actividades no medio natural e os roteiros a pé, especialmente polas contornas dos nosos campus, como o Monte da Fraga e o Castro de Elviña, en colaboración co Concello da Coruña, combinando deporte, cultura e divulgación.
- Fomentar a actividade física e o deporte como medio para mellorar a saúde individual e comunitaria.
- Fomentar actividades para dinamizar e facer comunidade universitaria, como celebracións deportivas con deportes minoritarios ou cooperativos entre os diferentes axentes universitarios.
- Fomentar a actividade física e o deporte inclusivo, en colaboración con outros servizos, entidades ou asociacións.
- Potenciar as redes deportivas universitarias e colaborar con outras universidades, a nivel galego, nacional e europeo.
- Potenciar os programas “UDC Actívate”, “Actívate +” e “Pausa en movemento”, dirixidos a mellorar o estado físico dos membros da comunidade universitaria.
- Adaptar “Espazos Activos Saudables” (aulas EAS) nos distintos centros de forma gradual.
- Crear unha comunidade universitaria activa creando espazos no campus para a práctica deportiva ao aire libre, fomentando e dinamizando o coñecemento da contorna universitaria.
Financiamento e planificación económica
- Negociar coa Xunta para lograr un incremento do financiamento estrutural das universidades, co horizonte de lograr un financiamento do 1% do PIB.
- Facilitar a planificación do gasto determinando coa necesaria antelación a contía das partidas dispoñibles e as condicións, singularmente os prazos, para a súa execución.
- Elaborar, e revisar periodicamente, proxeccións financeiras a longo prazo, que faciliten o desenvolvemento dunha planificación plurianual, fundamental para abordar programas tan importantes como os relativos á renovación xeracional do PDI ou ao mantemento e renovación das infraestruturas.
- Priorizar a dispoñibilidade de datos e a súa análise, e a ciencia de datos como ferramenta cotiá de apoio á toma de decisións e á planificación plurianual.
- Mellorar a eficiencia na xestión económica, impulsando a participación no desenvolvemento de procedementos apropiados dos órganos de control económico, dentro do máximo respecto á súa necesaria independencia.
- Avanzar na profesionalización da elaboración do orzamento, integrando no proceso aos servizos implicados.
- Introducir mecanismos de participación da comunidade universitaria na elaboración do orzamento, así como a participación activa da UDC nos orzamentos participativos doutras administracións da súa contorna.
Información sobre as eleccións
Praesent sit amet laoreet velit, vel maximus ante. Fusce blandit porttitor hendrerit. Sed laoreet nunc eget quam dignissim, facilisis sodales lorem elementum. Proin in justo at sapien iaculis tempor.